
Nas montaxes do programa Alalá, de Televisión de Galicia, non utilizamos a pezas completas por cuestións de tempo e de axilidade narrativa. Nembargantes, moitas destas pezas teñen un valor incalculable, polo que é o propósito do programa ir poñendo a disposición do público de todo o mundo, as interpretacións completas, sen cortar, gravadas para Alalá. Tanto para músicos, coma para estudosos da música coma para o público en xeral. Esperamos que as gocen. Na nosa memoria está a esixencia do gran mestre gaitero Henrique Otero, cando gravamos o programa que lle adicamos, de que as súas pezas fosen completas, sen cortar, porque senón era así os que quixesen aprendelas a tocar non poderían facelo convenientemente. Así que aí van algunhas pezas completas gravadas para Alalá con son directo polos grandes intérpretes que nos fixeron o honor de tocar para o programa. Por si alguén quere aprendelas ou simplemente escoitalas enteiras.